Os certificados de profesionalidade son un instrumento de acreditación oficial para as cualificacións profesionais.
Estes certificados pódense acadar a través dun proceso de recoñecemento da experiencia laboral (REXP) ou ben realizando cursos convocados e aprobados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria dentro das accións formativas para a formación para o emprego. (AFD)
Os certificados de profesionalidade teñen 3 niveis de cualificación profesional,
e cada nivel presenta uns requisitos concretos:
▪ Para nivel 1: non hai requisitos
▪ Para nivel 2: ESO ou titulacións equivalentes
▪ Para nivel 3: bacharelato ou titulacións equivalentes
Con todo, podedes realizar un AFD do nivel 2 e 3 sen ter o título da ESO ou
Bacharelato sempre que acreditedes posuír as competencias clave profesionais,
que son as seguintes:
1.- Comunicación en Lingua Castelá.
2.- Comunicación en Lingua Galega.
3.- Competencia Matemática.
4.- Comunicación en Linguas Estranxeiras (consultar no anexo I, as
especialidades formativas que requiren un módulo de lingua estranxeira).
Para superar as distintas competencias clave, o aspirante terá que realizar un
exame ou proba por cada competencia.
Recentemente saiu a convocatoria para estas probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos certificados de profesionalidade de niveis 2 e 3 (código de procedemento TR306A).
Prazo de inscrición aberto ata o 7 de abril de 2021
Requisitos de participación
a) Maiores de 16 anos ou que os fagan en 31 de decembro do ano natural en que se celebran as probas;
b) Non estar en posesión de ningún dos requisitos de acceso á formación dos certificados de profesionalidade establecidos no artigo 2 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia
Presentación de solicitudes e prazo
Para participar nestas probas deberá presentarse unha solicitude segundo o modelo do anexo I desta resolución.
As solicitudes, xunto coa documentación requirida, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365
(https://sede.xunta.gal/chave365).
A solicitude tamén estará dispoñible no portal web da Consellería de Emprego e Igualdade
(https://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua? content=topic_0145.html).
As persoas interesadas con discapacidade recoñecida cun grao igual ou superior ao 33 %, no caso de solicitaren adaptacións, teñen que indicalo na solicitude de inscrición nos recadros do bloque de persoas con algunha discapacidade.
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 7 de abril de 2021.
Realización das probas de avaliación en competencias clave
1. O lugar de realización das probas de avaliación en competencias clave será exposto na páxina web https://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua?content=topic_0145.html, da Consellería de Emprego e Igualdade. O calendario da convocatoria inclúese no anexo II desta resolución.
2. O/a candidato/a realizará unha proba por cada unha das competencias clave convocadas nas cales se inscribise. A duración da proba en cada competencia clave é dunha hora.
3. Todas as persoas candidatas se deberán presentar no horario que figura no anexo II para ser chamadas por orde alfabética en chamamento único. Para realizar as probas de avaliación nas distintas competencias clave poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas admitidas nelas; as ditas instrucións serán publicadas na páxina web https://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/c/Formacion-ocupacional-e-continua?content=topic_0145.html, da Consellería de Emprego e Igualdade, como mínimo 3 días antes da data de inicio de realización das probas.
4. Para a realización das probas, as persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade, do número de identificación de estranxeiros ou do pasaporte. Tamén deberán levar bolígrafo de tinta de cor azul ou negra.
Nas probas de competencia matemática poderase acudir con calculadora.
5. O exame das competencias clave en matemáticas estará redactado en galego e castelán; os exames de comunicación en lingua galega, comunicación en lingua castelá e de comunicación en lingua inglesa estarán redactados na lingua obxecto da proba.
6. Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen as probas con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.
7. As persoas participantes nas probas terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a estas.