Filosofía 4º ESO

Esta materia serve de introdución fundamental á materia obrigatoria e común de Filosofía de 1º de Bacharelato e Historia da Filosofía de 2º de Bacharelato, e ás optativas de Psicoloxía, Ética e Filosofía do Dereito e Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía. 
A Filosofía de 4º da ESO, optativa de 3 horas lectivas, ten como unha das súas finalidades a de contribuír e dotar ao alumnado dunha capacidade básica de comprensión, que enraíza nas súa propia experiencia humana, vivencias, inquedanzas e interrogantes. Potencia e activa as capacidades crítica, de argumentación, de análise e de síntese, imprescindibles para o seu desenvolvemento como persoa e como cidadán, todo isto desde a plataforma do pensamento filosófico. Por conseguinte, non se trata de un mero aparato teórico de contidos senón de proporcionar instrumentos para a dimensión práctica e o fortalecemento da autonomía persoal, o respecto e a tolerancia
CONTIDOS
A materia estrutúrase en seis bloques temáticos que recollen aspectos teóricos e prácticos. Interesa máis a calidade dos temas presentados que a cantidade. Non estamos a bater récords senón a aprender desfrutando. 
Bloque I: A Filosofía : que é?, para que serve?
-TEMA 1: O saber filosófico: introdución. O mito. Funcións da filosofía. Os primeiros filósofos.
Bloque II: Identidade persoal: quen son eu?, como me comporto?, por que?, que significa o que soño?
-TEMA 2: A personalidade. Temperamento e carácter. Teorías da personalidade. Psicanálise e interpretación dos soños.
 -TEMA 3: A vida afectiva: impulsos, emocións e sentimentos; o papel do corpo; o desexo e o amor. A frustración e os mecanismos de defensa.
-TEMA 4: O ser humano desde a filosofía: breve recorrido histórico.
Bloque III: Moral e Socialización: que debo facer? eu estou so no mundo ou estou con outros?
-TEMA 5: A Ética. O concepto de moral. Tipos de éticas. Bioética e Éticas aplicadas.
-TEMA 6: Cultura,  sociedade e civilización. Elementos da cultura.  O proceso de socialización.Teorías sobre a orixe da sociedade. As diferenzas culturais e a tolerancia como actitude.
Bloque IV: Pensamento e Coñecemento: que podo coñecer?
-TEMA 7: Razón e Sentidos. Coñecemento e opinión. Fundamento e límites do coñecemento. A verdade.
-TEMA 8: O animal racional. A intelixencia humana: concepto e tipos. A intelixencia emocional. A comunicación verbal e non verbal.
Bloque V: Realidade e Existencia:  hai un mundo aí fóra?, onde estou?, que hai despois desta vida?, que me cabe esperar?
-TEMA 8: Que é a realidade? Metafísica. A Natureza e o Universo.
-TEMA 9: O sentido da vida e da existencia. A Morte. Relixión e Historia.
Bloque VI: Transformación: son libre?, que podo aportar?
-TEMA 10:  A liberdade. Libre albedrío e determinismo.
-TEMA 11:  Cuestións de estética: A imaxinación humana  e a creatividade. A beleza.
METODOLOXÍA DE AULA (Referencias para instrumentos de avaliación)
Combinaránse docencia presencial e virtual  (Plataforma CiscoWebex e Aula Virtual)
-Inmersión: Remuíño de ideas, que sirva como introdución á temática. Achegamento aos temas desde imaxes e conceptos que o alumnado xa ten incorporados.
-Presentación e desenvolvemento por parte da profesora dos temas para facilitar o traballo do alumnado sobre os contidos correspondentes.
-Tarefas de conceptualización: confección de glosarios, esquemas, cuestionarios breves. Ilustracións, fotos, poemas e collages.
-Actividades de reflexión: cuestións elaboradas a partir de pequenos textos, dilemas ou preguntas abertas.
-Traballos de argumentación: análise e comentarios de textos breves, disertacións ou pequenos ensaios. 
-Controis de lectura: traballo de comprensión de obras breves ou capítulos específicos.
-Casos prácticos e reais, que exemplifiquen a parte teórica. Traballo con prensa e biografía do alumnado. Xogos.
-Pensamento crítico: debates, breves traballos de investigación (individuais e grupais):. Posibilidade de exposición ao gran grupo.
-Multimedia: documentais e longametraxes (bases para a reflexión e a discusión).
-Elementos artísticos: apoio en música, literatura, pintura, escultura, arquitectura....
AVALIACIÓN
-CADERNO DE AULA: soporte físico e/ou virtual que recollerá todas as tarefas que o alumnado vaia realizando nas datas propostas.
-CADERNO FILOSÓFICO (voluntario): pequena libreta onde o alumnado plasmará en linguaxe escrita ou con ilustracións a súa comprensión dos temas e as súas reflexións.
-EXAMES: probas escritas presenciais ou telemáticas que avalíen a consecución dos obxectivos da materia. Segundo a dinámica do grupo, plantexarase como opción alternativa cando os cadernos de aula non acaden os mínimos esixibles correspondentes a cada avaliación.