MATERIAS TRONCAIS DE OPCIÓN 4º ESO

A continuación unha breve información de materias troncais de opción de 4º ESO, elaborada polos departamentos respectivos:

FILOSOFÍA                  4º ESO-LOMCE

OBXECTIVOS
Esta materia serve de introdución fundamental á materia obrigatoria e común de Filosofía de 1º de Bacharelato e ás materias optativas de 1º de Bacharelato e de 2º de Bacharelato seguintes: Antropoloxía e Psicoloxía, e Historia da Filosofía, Ética e Filosofía do Dereito e Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía, respectivamente.
A Filosofía de 4º da ESO, optativa de 3 horas lectivas, ten como unha das súas finalidades a de contribuír e dotar ao alumnado dunha capacidade básica de comprensión, que enraíza nas súa propia experiencia humana, vivencias, inquedanzas e interrogantes. Potencia e activa as capacidades crítica, de argumentación e de síntese, imprescindibles para o seu desenvolvemento como persoa e como cidadán, todo isto desde a plataforma do pensamento filosófico. Por conseguinte, non se trata de un mero aparato teórico de contidos senón de proporcionar instrumentos para a dimensión práctica e o fortalecemento da autonomía persoal, o respecto e a tolerancia

CONTIDOS
A materia estrutúrase en seis bloques temáticos que recollen aspectos teóricos e prácticos, sempre desde unha flexibilidade coherente. Interesa máis a calidade dos temas presentados que a cantidade. Non estamos a bater récords senón a aprender desfrutando.

-Bloque 1: A Filosofía: que é?, para que serve?
-Bloque 2: Identidade persoal (introdución á Psicoloxía): quen son eu?, como me comporto?, por que?, que significa o que soño?
-Bloque 3: Socialización: eu estou so no mundo ou estou con outros?
-Bloque 4: Pensamento: por que se di que son un animal racional?
-Bloque 5: Realidade: hai un mundo aí fóra?, que hai despois desta vida?
-Bloque 6: Transformación: eu son libre?, que podo aportar?


Artes Escénicas e Danza   4º ESO

Esta asignatura de Artes Escénicas e Danza pretende dotar o alumno dos coñecementos, técnicas e procedementos que lle permitan expresarse artisticamente a través das linguaxes do Teatro e a Danza.

Os alumnos e as alumnas deben comprender as diferentes linguaxes escénicas, así como o devir da historia do teatro e a danza ao longo dos séculos.

Trátase dunha materia fundamentalmente práctica. É indispensable que o alumnado tome conciencia dos seus recursos expresivos, e os desenvolva co seu propio corpo, atendendo a súa capacidade de concentración, relaxación e equilibrio psicofísico, como unha maneira de mellorar as súas habilidades comunicativas, capacidade dramática, recursos no terreo da oralidade e o desenvolvemento da sensibilidade rítmica e melódica a nivel corporal e vocal


CIENCIAS APLICADAS Á ACTIVIDADE PROFESIONAL.  4º ESO
Introdución
O coñecemento científico permítelles ás persoas comprenderen e valoraren a súa realidade e a do seu contorno. Para chegar a este nivel de comprensión cómpre coñecer e aplicar os métodos da ciencia para identificar os problemas nos diversos campos do coñecemento e da experiencia, e valorar criticamente os hábitos sociais en distintos ámbitos.
Como un saber integrado que é, o coñecemento científico estrutúrase en distintas disciplinas e, neste contexto, a materia de Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional ten como obxectivo ofrecerlle ao alumnado a oportunidade de aplicar en cuestións prácticas, cotiás e próximas os coñecementos adquiridos ao longo dos cursos anteriores en disciplinas como Química, Bioloxía ou Xeoloxía.
É importante que, ao finalizar ESO, o alumnado teña adquiridos coñecementos procedementais na área científica, sobre todo en técnicas experimentais. Esta materia vaille achegar unha formación experimental básica e vai contribuír á adquisición dunha disciplina de traballo no laboratorio, respectando as normas de seguridade e hixiene, e valorando a importancia de utilizar os equipamentos de protección persoal necesarios en cada caso. Asemade, esta materia proporciona unha orientación xeral aos/ás estudantes sobre os métodos prácticos da ciencia, as súas aplicacións á actividade profesional, os impactos ambientais que leva consigo, así como operacións básicas de laboratorio relacionadas. Esta formación achegaralles unha base moi importante para aborda-ren en mellores condicións os estudos de formación profesional nas familias profesionais Agraria, de Industrias Alimentarias, de Química, de Sanidade, de Vidro e Cerámica, etc.
Os contidos preséntanse en catro bloques. O bloque 1 está dedicado ao traballo no laboratorio; é importante que os/as estudantes coñezan a organización dun laboratorio, os materiais e as substancias que van usar durante as prácticas, facendo moito fincapé no coñecemento e no cumprimento das normas de seguridade e hixiene, así como na correcta utilización de materiais e substancias. É importante que manipulen e utilicen os materiais e reactivos con total seguridade. O obxectivo é que o alumnado realice ensaios de laboratorio que lle permitan coñecer as técnicas instrumentais básicas.


Procurarase que os/as estudantes poidan obter no laboratorio substancias con interese industrial, de xeito que establezan unha relación entre a necesidade de investigar no laboratorio e a posterior aplicación dos resultados á industria. Logo de finalizado o proceso anterior, é interesante que coñezan o impacto ambiental que provoca a industria durante a obtención dos referidos produtos, valorando as achegas que á súa vez fai a ciencia para mitigar o impacto e incorporando ferramentas de prevención e corrección que fundamenten un uso e unha xestión sustentables dos recursos.
O bloque 2 dedícase á ciencia e á súa relación co ambiente. A súa finalidade é que os/as estudantes coñezan os tipos de contaminantes, as súas orixes e os seus efectos, así como o tratamento para reducir os seus impactos e eliminar os residuos xerados. A parte teórica debe ir combinada coa realización de prácticas de laboratorio que lle permitan ao alumnado coñecer como se poden tratar estes contaminantes e como utilizar as técnicas aprendidas. O uso das tecnoloxías da información e da comunicación neste bloque está especialmente recomendado para realizar actividades de indagación e de procura de solucións ao problema ambiental, do mesmo xeito que o traballo en grupo e a exposición e defensa das conclusións das investigacións por parte dos/das estudantes.
O bloque 3 é o que máis novidades achega para os/as estudantes e debería traballarse combinando os aspectos teóricos cos de indagación, utilizando as tecnoloxías da información e da comunicación, que constituirán unha ferramenta moi útil para que o alumnado poida coñecer os últimos avances neste campo a nivel mundial e local.
O bloque 4 ten como obxectivo a realización de proxectos de investigación en grupo seguindo os métodos da ciencia aplicados a coñecementos adquiridos en cursos anteriores. Os/as estudantes deberán apoiarse nas tecnoloxías da información e da comunicación para a elaboración e a presentación das súas investigacións, e ao mesmo tempo coidarán a expresión oral e escrita nas conclusións finais dos seus proxectos.
Os/as estudantes deben estar perfectamente informados/as acerca das posibilidades que se lles poden abrir nun futuro próximo e, do mesmo xeito, deben posuír unhas ferramentas procedementais, actitudinais e cognitivas que lles permitan emprender con éxito as rutas profesionais que se lles ofrezan.
BLOQUE 1
1.1. Organización do laboratorio: materiais e normas de seguridade e hixiene.
1.2. Aplicación do método científico aos traballos de laboratorio.
1.3. Utilización de ferramentas das tecnoloxías da información e da comunicación para o traballo experimental do laboratorio.
1.4. Técnicas de experimentación en física, química, bioloxía e xeoloxía.
1.5.Técnicas e procedementos de desinfección de materiais en distintos sectores.
1.6. Análise da aplicación da ciencia en campos profesionais directamente relacionadas con Galicia.

BLOQUE 2
2.1. Contaminación: concepto e tipos.
2.2. Contaminación atmosférica: orixe, tipos e efectos.
2.3. Contaminación do solo.
2.4. Contaminación da auga.
2.5. Calidade da auga: técnicas de tratamento e depuración.
2.6. Contaminación nuclear.
2.7. Análise sobre o uso da enerxía nuclear.
2.8. Xestión dos residuos.
2.9. Normas básicas e experimentais sobre química ambiental.
2.10. Xestión do planeta e desenvolvemento sustentable.
2.11. Importancia das campañas de sensibilización sobre o ambiente. Aplicación no contorno máis próximo. 

BLOQUE 3
3.1. Concepto de investigación, desenvolvemento e innovación, e etapas do ciclo I+D+i.
3.2. Tipos de innovación. Importancia para a sociedade.
3.3. Papel das administracións e dos organismos estatais e autonómicos no fomento da I+D+i.
3.4. Principias liñas de I+D+i actuais para o sector industrial.
3.5. Utilización de ferramentas das tecnoloxías da información e da comunicación no ciclo de investigación e desenvolvemento.

BLOQUE 4
4.1. Método científico. Elaboración de hipóteses, e a súa comprobación e argumentación a partir da experimentación ou a observación.
4.2. Artigo científico. Fontes de divulgación científica.
4.3. Proxecto de investigación: organización. Participación e colaboración respectuosa no traballo individual e en equipo. Presentación de conclusións.