A Consellería de Educación convoca 200 prazas para alumnado de 3º e 4º de ESO na STEMweek.
Trátase dunha actividade formativa que estimula, á vez, a adquisición das competencias científico-tecnolóxicas e en lingua inglesa, no marco das estratexias Edudixital e Edulingüe.
As estadías desenvolveranse no Centro Residencial Docente da Coruña en agosto.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 14 de marzo ao 13 de abril, ambos incluídos.
En total ofértanse 200 prazas para alumnas e alumnos de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria, nunhas estadías que se desenvolverán no Centro Residencial Docente (CRD) da Coruña.
Desenvolverase, un ano máis, en dúas quendas (a primeira, para 3º de ESO, do 16 ao 22 de agosto; e a segunda, para 4 de ESO, do 23 ao 29) e terá carácter gratuíto para as familias. As actividades terán como obxectivo desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o interese do alumnado pola ciencia e polas súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía. Ao mesmo tempo, supón unha oportunidade para a mellora da competencia comunicativa en lingua inglesa.
Esta convocatoria forma parte da Estratexia Galega de Educación Dixital (Edudixital 2020) e, en concreto, da liña destinada a fomentar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) no ensino preuniversitario, co fin de tentar de espertar o interese dos máis novos, e especialmente das rapazas, polos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico de cara á elección de estudos superiores.
Por outra banda, ao desenvolverse de forma íntegra en inglés, esta actividade é unha das accións contempladas tamén na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras (Edulingüe 2020).
Solicitudes
Poderá solicitar a participación na STEMweek o alumnado que estea cursando 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria no réxime xeral, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2019/20 en Galicia, que teña superadas todas as materias no curso 2018/19 cunha cualificación mínima de 6 na materia de inglés. Para puntuar e baremar as solicitudes recibidas teranse en conta a nota media do expediente no curso pasado, a renda per cápita da unidade familiar, a pertenza a familia numerosa e a discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez dalgún membro da unidade familiar en primeiro grao.
O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación na ligazón
Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación, e poderán elixir entre a presentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O prazo para a presentación das solicitudes será desde o 14 de marzo ao 13 de abril, ambos incluídos.
MÁIS INFORMACIÓN:
MÁIS INFORMACIÓN: