Instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o curso 2015/2016

A Consellería de Educación publica as normas para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o curso 2015-2016.

Acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio.
Requisitos:
a) Dispor do título de graduado en educación secundaria e superar unha proba específica.
b) Os aspirantes que non dispoñan do título de graduado en educación secundaria, deberán ter cumpridos os dezasete anos e superar a proba de madureza ademais da correspondente proba específica.
c) A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, pola proba de madureza a ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou pola proba de madureza de grao medio de ensinanzas deportivas.

Acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao superior.
Requisitos:
a) Dispor do título de bacharel e superar unha proba específica.
b) Os aspirantes que non dispoñan do título de bacharel, deberán ter cumpridos os dezanove anos e superar a proba de madureza, ademais da correspondente proba específica.
c) A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, pola proba de madureza a ciclos formativos de grao superior de formación profesional ou pola proba de madureza de grao superior de ensinanzas deportivas.

Estarán exentos de realizar a proba específica de acceso ao grao medio e superiores das ensinanzas de artes plásticas e deseño, quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
a) Título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato experimental.
b) Título superior de Artes Plásticas ou título superior de Deseño, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.
c) Título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas súas diferentes especialidades.
d) Licenciatura en Belas Artes.
e) Arquitectura.
f) Enxeñaría técnica en Deseño Industrial.

Así mesmo, estará exento de realizar a proba específica de acceso ao grao medio e superior de artes plásticas e deseño quen acredite ter experiencia laboral de, polo menos, un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo a que se queira acceder, para o cal presentará a seguinte documentación:
Certificación da empresa onde adquiriu a experiencia laboral en que conste a natureza e duración concreta da actividade realizada. 

Prazos: A inscrición farase na secretaría das escolas públicas en que se impartan as correspondentes ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño ata o día 18 de xuño para os ciclos de grao superior, e ata o 24 de xullo para os ciclos de grao medio.

Desenvolvemento das probas:
a) Probas de acceso ao grao medio: 
Proba de madureza: 2 de setembro.
Proba específica: 4 de setembro.
b) Ciclos de grao superior:
Proba de madureza: 26 de xuño.
Proba específica para todas as familias profesionais: día 9 de xullo.

As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es cos procedemento ED511E e ED511D

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o curso 2015/16

Mais información