CAMPAMENTOS DE VERÁN 2015

Campaña de verán 2015

illa_de_onsA Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado convoca a Campaña de verán 2015.

A participación na oferta da Campaña de verán 2015 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous/dúas, tres ou catro irmáns/ás).
As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:
a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación do/a mozo/a.
b) Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.
c) Manutención en réxime de pensión completa.
d) O material necesario para a actividade.
e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con necesidades especiais por razón da súa discapacidade, disporase de persoal de apoio que conte con formación e experiencia para atender as súas necesidades.
f) Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
g) Nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas inclúese o transporte desde Santiago de Compostela, ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela.

Participantes:
Poden solicitar a súa participación nas actividades ofertadas nesta convocatoria
os/as mozos/as galegos/as residentes en Galicia, nacidos/as no ano sinalado para cada actividade.
En canto á idade mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2015, cómpre destacar o seguinte:
Os/as nacidos/as no ano 1997 non poderán facer 18 anos antes da finalización do campamento.
Os/as nacidos/as no ano 2006 deberán ter feitos 9 anos ao inicio do campamento.

Persoas con discapacidade:
As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 % poderán participar nesta convocatoria sempre que:
– Teñan capacidade de integración nun grupo.
– As súas limitacións e/ou necesidades especiais deben permitirlles manexarse nas instalacións do campamento que elixan e participar e beneficiarse das actividades que nel se van desenvolver.
As persoas con discapacidade poderán presentar a súa solicitude optando por unha destas dúas vías:
a) Polo procedemento xeral (BS303A, no caso de solicitude individual, ou BS303F no caso de solicitude múltiple) exclusivamente para as actividades detalladas no anexo I A (campamentos que se desenvolven en Galicia, excluíndose, polo tanto, os campamentos que teñen lugar noutras comunidades autónomas).
Esta solicitude incluirase no sorteo xeral da campaña de verán. No caso de que opten por esta vía, no formulario de solicitude deberán formalizar obrigatoriamente os datos relativos á discapacidade que presenta o/a solicitante con necesidades especiais.
b) Polo procedemento das prazas reservadas para inclusión, (procedemento BS303G no caso de solicitude individual, ou BS303H no caso de solicitude múltiple, para o suposto de irmáns/ás) exclusivamente para os campamentos e quendas específicas (anexo I B). Estas solicitudes incluiranse nun sorteo específico.

Solicitudes:
As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es, polo procedemento xeral BS303A no caso de solicitude individual, ou BS303F no caso de solicitude múltiple. Para discapacidades procedemento BS303G no caso de solicitude individual, ou BS303H no caso de solicitude múltiple.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o día 8 de abril de 2015.
Máis información: DOG do 24 de marzo de 2015 e DOG do 26 de marzo de 2015